Artigos en galego
Typography
  • Smaller Small Medium Big Bigger
  • Default Helvetica Segoe Georgia Times

Este artigo escribiuse en setembro de 2016, antes das eleccións autonómicas galegas, cando a recente coalición En Marea conformouse como plataforma da unidade popular en Galiza.

O próximo 25 de setembro, Galicia enfróntase a uns comicios que poden ser históricos, nun contexto no que a esquerda alternativa ameaza cada día máis con superar á socialdemocracia do réxime no país, representada polo PSdG. Para chegar a esta situación, foi crucial a unidade popular, que, pese a alcanzar a súa máxima expresión da historia recente en Galicia con En Marea, xa ten unha tradición que se remonta anos atrás.

Á necesidade da cohesión da esquerda, sumábase á de atopar un discurso e unha liña políticas capaces de integrar un abano máis amplo de sensibilidades dentro desta das que existen en outras moitas zonas do Estado. Neste sentido, a existencia de distintos tipos de sensibilidades nacionalistas dentro do movemento obreiro e a sociedade galega fixeron fundamental atopar unha liña capaz de conciliar estas coas sensibilidades republicanas, federalistas e da esquerda tradicional.

Antecedentes no BNG

O nacionalismo galego, tal e como se entende hoxe en día, está claramente ligado aos movementos de esquerdas e ás loitas pola transformación social. Esta tradición ten as súas raíces nos anos 60, nos que aparecerán partidos nacionalistas (PSG, UPG) que buscarán compaxinar a loita social contra a ditadura coa loita contra a opresión nacional desta.

Estes grupos serán bastante pequenos ata a década dos 70. Será entón cando a UPG comece a coller forza, sobre todo a raíz da súa conexión con loitas como as estudantís na universidade, das que nacerá a ERGA. Nesta etapa, a UPG converterase en hexemónica dentro do nacionalismo e adoptará unha estratexia frontista, que a levará a impulsar o BNG.

A partir dos anos 90, os resultados electorais do BNG comezarán a mellorar considerablemente, chegando a sorpassar ao PSdG nas eleccións autonómicas do 2001. Os principais factores que explican isto son o desgaste do PSOE a nivel estatal polos gobernos de Felipe González (que levarán a moitos a buscar alternativas á súa esquerda) é a vinculación das organizacións nacionalistas de loitas obreiras como as do naval (das que xurdirá o sindicalismo galego nacional e de clase). Nesta etapa, o BNG consolídase claramente como única forza da esquerda alternativa capaz de plantarlle cara ao PSdG.

Porén, ao crecemento electoral acompañarano a aparición de tendencias oportunistas, que levarán a un xiro á dereita e a substitución de X.M. Beiras por Anxo Quintana como cara visible do Bloque. Este xiro provocará, xunto a outros factores, unha baixada electoral que devolverá ao Bloque Nacionalista á posición de terceira forza, por debaixo do PSOE. Con todo, isto non impedirá que o BNG chegue a ocupar postos no goberno de Galicia en 2005, a través dun pacto co PSdG que levará a Quintana á vicepresidencia da Xunta.

Durante os seus anos no goberno da Xunta, o BNG non conseguirá responder ás esperanzas depositadas nel por amplas capas da clase traballadora e a mocidade, a raíz das cales comezará o seu proceso de declive.

ANOVA: O Novo Proxecto Común

As tendencias oportunistas no seo do BNG, xunto coas tendencias burocráticas e sectarias que cada vez se manifestaban con maior forza, levaron a Beiras a crear unha plataforma dende a que loitar por unha liña alternativa, o Encontro Irmandiño. Pese a todo, isto non foi suficiente e, en febreiro do 2012 a formación de Beiras decide abandonar o Bloque.

A partir disto, Beiras iniciará unha rolda de contactos con partidos de todo o espectro nacionalista de esquerdas situados fóra do BNG. Isto deu lugar ao “Novo Proxecto Común”, no que participaron, ademais dos irmandiños de Beiras, a FPG, a FOGA, MpB e NEG, así como outros elementos de adscrición individual. Este proceso articulouse a través de asembleas de base ao longo de Galicia, que culminarán na asemblea de Teo o 14 de xullo, na que tomarán o nome de ANOVA – Irmandade Nacionalista.

A idea da unidade

O día 25 de xullo ou día da Patria galega, X.M. Beiras pronunciará, dende a praza de Mazarelos, un discurso no que fará un chamamento as forzas nacionalistas e da esquerda de ámbito estatal a formar unha fronte común de cara as eleccións galegas.

En agosto, Yolanda Díaz (EU) iniciará unha rolda de contactos para a creación dunha “SYRIZA galega” (é dicir, unha grande coalición electoral da esquerda). Esta rolda de contactos incluirá, como un dos seus piares centrais, a reunión coa FPG, no que, apoiándose nas experiencias previas de colaboración en Cangas (Alternativa Canguesa de Esquerdas), buscarán tender pontes coa formación nacionalista.

O resultado destes contactos será o inicio en ANOVA dun proceso de debate interno con discusións en todas as asembleas do país. Este proceso culminará nunha votación na que o 70% da militancia aprobou a confluencia. Tamén se integraron outras forzas, como Equo e o Espazo Ecosocialista Galego. Incluso en CxG (partido socialdemócrata nacionalista de corte claramente moderado) gañará a opción do si á confluencia por cun 55%, aínda que, nun acto de sectarismo, a dirección deste partido porá trabas constantes as negociacións e finalmente afastarase da fronte común.

O espazo resultante foi Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Esta coalición, a pesar dos problemas que tivo para artellarse (o adianto das eleccións por parte de Feijóo e a oposición de certos sectores de EU e ANOVA a unha estreita colaboración) converteuse nun referente para moitas traballadoras e mozas do país, obtendo uns magníficos resultados. Con todo, non foi capaz de converterse nun espazo común asembleario e democrático, con elección dos candidatos por primarias, elaboración colectiva do programa e asembleas de confluencia entre as bases, mais que supuxo un enorme avance para a esquerda en Galicia e un exemplo a seguir no conxunto do Estado.

Os resultados de AGE

Nos comicios ao Parlamento Galego de 2012, celebrados o 21 de outubro, AGE obtivo un 13´91% dos sufraxios e 9 deputadas na cámara. Estes resultados, de por si xa moi favorables para unha forza que concorre por primeira vez a unhas eleccións, foron máis destacables aínda se temos en conta que Alternativa Galega superou ao BNG, cun 10´11% dos sufraxios e 7 escanos. Tamén é un dato a ter en conta que a suma dos resultados das forzas á esquerda do PSdG foron mellores ca os deste. Fronte ao 20´61% obtido polos chamados socialistas, AGE e BNG (tamén á esquerda do PSOE, pese a súa deriva oportunista) sumaron un 24´01% dos votos.

Deste xeito, AGE converteuse nun referente para a esquerda no conxunto do Estado. Ademais, o seu discurso, que (pese ao seu reformismo) mostrábase claramente rupturista e alternativo, foi unha das bases nas que Pablo Iglesias se inspirou para o lanzamento posterior de Podemos.

Podemos e En Marea

Coa chegada das eleccións europeas, Podemos apareceu na escena política española con catro deputadas. No conxunto do Estado obtivo un 7´97% dos votos, mentres que La Izquierda Plural (coalición de IU cos Verdes) obtivo 9´99% dos mesmos. En Galicia Podemos obtivo un 8´34% dos sufraxios, mentres que AGE obtivo o 10´54% destes. Observamos pois, un voto maior ás forzas á esquerda do PSOE en Galicia, que suman un 18´96% fronte ao 17´96% no conxunto do Estado Español.

Coa irrupción da forza morada, a unidade da esquerda apareceu na orde do día. Neste sentido, a existencia dunha experiencia favorable previa e os resultados electorais das mareas municipalistas fortaleceron a idea de manter a unidade popular en Galicia. Finalmente, esta deuse baixo as siglas de En Marea, que obtivo uns magníficos resultados en Galicia tanto no 20D como no 26X, demostrando unha vez máis a eficacia da fórmula da unidade popular.

Ao asalto da Xunta!

A pesar de todas as dificultades para chegar a un acordo sobre a forma xurídica, a marca a empregar e a configuración das listas, finalmente reeditarase en Galicia a unidade popular de cara ás eleccións do 25S. En Marea, que xa conseguiu superar ao PSOE en votos nas eleccións do 20D e chegar a un empate técnico con este nas do 26X, conta con claras posibilidades de alzarse como primeira forza da esquerda e liderar un proceso de pactos que levasen a formación dun goberno de esquerda. Isto podería levar a Galicia a ser a primeira “autonomía do cambio”.

Con todo, non pode esquecerse a elección aprendida do 26X, e compre traballar arreo para obter este obxetivo, mostrando a En Marea como unha alternativa clara á esquerda da socialdemocracia do réxime.

Mais incluso se se conseguise acceder ao goberno da Xunta, cómpre recordar as limitacións dun programa reformista, e sobre todo, cando quere aplicarse nunha administración territorial subordinada á soberanía dun Estado aínda nas mans da dereita. O novo goberno autonómico da esquerda, se chega a darse, terá que acompañarse necesariamente da loita na rúa e da mobilización social.

Pese a isto, os marxistas somo conscientes do grande avance que suporía un goberno da esquerda na Xunta de Galicia, capaz de aplicar medidas que melloren a situación inmediata das traballadoras galegas e sirva de referente para a esquerda no conxunto do Estado. É por isto que dende Loita de Clases traballamos arreo en En Marea, así como en diferentes movementos e asociacións, co fin de reforzar o movemento da clase traballadora e a mocidade, aportando unha visión marxista da realidade. ¡Únete a nós nesta tarefa!